- O segundo premio foi para a obra que Pedro Silva centrou na súa avoa
Podes visualizar todas as fotos premendo aquí.
DUVI Pontevedra 04/12/2024
Promovida pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo, a Cátedra de Idadismo ten como obxectivo contribuír á erradicación do conxunto de prácticas que discriminan ás persoas por razóns de idade. Fronte a estas, pon o foco na importancia da intexeracionalidade, no necesario das relacións entre persoas de diferentes xeracións, como as que se reflicten nas imaxes coas que a estudante da Facultade de Comunicación María López obtivo o primeiro premio do concurso de series fotográficas promovido por esta cátedra. Baixo o título de Na Casa Aprenden, López Randolfe presentou un conxunto de imaxes tomadas na casa da súa familia, nas que buscaba reflectir “como poden convivir varias xeracións”, explica.
Estudante do Grao en Comunicación Audiovisual, López recibiu este premio, cunha dotación económica de 600 euros, nun acto celebrado este mércores na Casa das Campás, coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; a directora da Cátedra de Idadismo, Ana Belén Fernández, e o presidente da xunta directiva de Afaga, Juan Carlos Rodríguez. “O idadismo combátese con interxeracionalidade”, subliñou Fernández Souto neste acto de entrega, no que foi recoñecida co segundo premio, dotado con 400 euros, a serie Vermú, do egresado o Máster en Dirección de Arte en Publicidade Pedro Silva.
Imaxes que reflectisen a heteroxenidade ao longo da vida
Aberto á participación de toda a cidadanía, este concurso buscaba pór de relevo que o idadismo non é unha problemática exclusiva das persoas maiores, situando como o seu eixe temático na relación entre persoas de diferentes xeracións e valorando tamén que os traballos presentados incluísen un enfoque claro da heteroxeneidade das persoas ao longo da vida. No caso da serie gañadora, estas ideas fanse patentes nas fotografías que López Randolfe tomou na casa familia, no lugar de Quintá, en Chantada, e nas presenta os seus avós, nai, irmán ou tía. Con elas busca amosar como a convivencia entre persoas de diferentes xeracións permite achegar os maiores o uso das tecnoloxías ou que as e os máis novos poidan coñecer costumes ou tradicións.
Exalumno tamén da Facultade de Comunicación, Silva presentou unha serie de imaxes nas que amosa como a súa avoa se acicala para reunirse coas súas amigas, o que, sinala, podería verse como “unha trivialidade”, pero que supón “un ritual de aoutocoidados, moi ligado á autoestima e ao fomento do benestar”. Non en van, “ir á praza da vila a tomar algo coas amigas supón manter un contacto social que non ten que ser algo vinculado á mocidade, senón que nestas idades é incluso máis importante”, engade.