DUVI Pontevedra  22/05/2024

Verbas como vello ou vella, ancián, xubilada, pensionista ou avoa e expresións como terceira idade contribúen a perpetuar os estereotipos e falsos mitos asociados ás persoas maiores e deben desaparecer do discurso que trasladan os medios de comunicación. Esta é unha das ideas que recolle a Guía para unha comunicación libre de idadismo cara as persoas maiores, un documento promovido por HelpAge International España e elaborado pola responsable de proxectos desta organización, Elena Molina, xunto coa directora da Cátedra Afaga-Atendo da Universidade de Vigo, Ana Belén Fernández Souto, e a directora do Observatorio Mayores y Medios de Comunicación da Universidade de Alacante, Irene Ramos. 

Como explica Fernández Souto, profesora da Facultade de Comunicación, esta guía parte dunha iniciativa da organización de defensa dos dereitos dos maiores HelpAge International, que convidou a participar no proxecto tanto á Universidade de Alacante como á cátedra impulsada en 2022 pola UVigo, Afaga e Atendo co obxectivo de combater o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade. Editada en primeiro termo en castelán, a sede de Afundación en Santiago de Compostela acollía este mércores a presentación da súa versión en galego, impulsada por esta entidade. “Esta guía ten como obxectivo contribuír á eliminación dos estereotipos e da linguaxe negativa asociadas á idade”, sinalou a presidenta de HelpAge International España, Isabel Martínez Lozano, nun acto no que interviñeron tamén Fernández Souto e a coordinadora de Comunicación de Afundación, Gloria Rodríguez López.

Unha linguaxe que reflicta a diversidade

“Do mesmo xeito que ocorreu co racismo primeiro e co sexismo despois, é necesario que a sociedade sexa consciente do problema que implica o idadismo e, a partir de aí, exista un pacto social que implique a todo tipo de institucións na loita”, sinalan as autoras desta guía, que pon o foco na necesidade dunha linguaxe que reflicta a diversidade das e dos maiores. “Envellecer, o logro da lonxevidade non pode asociarse ao estereotipo estigmatizado que se asocia ao vello, ao estragado”, engaden as responsables dun documento que compila unha serie de recomendacións e termos a evitar. Ese sería o caso de palabras como avó e avoa, explican, xa que non resulta apropiado “que se defina un grupo etario a través rol familiar que pode ou non darse”, pero tamén de expresións como “estaste facendo maior” ou “iso é moi boomer”, que “xeneralizan unha única visión sobre as persoas maiores”. Esta serie de xeneralizacións, subliñan, “contribúen a consolidar uns tópicos e discriminacións que non se corresponden co estado de saúde, o tipo e nivel de actividade, a produtividade e outras características socioeconómicas dos adultos maiores”. 

A guía aborda tamén o tratamento das mulleres maiores nos medios, incidindo en como estas son caracterizadas “en papeis secundarios, nos que a súa sexualidade foi anulada” e o seu “valor social depende da súa capacidade como coidadora ou avoa”. Ao mesmo tempo, outro dos capítulos céntrase no “relato” sobre as persoas a maiores que os medios reflicten a través das fotografías, pondo o foco na necesidade de visualizar “como se poden gozar e vivir as diferentes etapas dos diversos procesos de envellecemento”.