[PUBLICADA ORIXINALMENTE POLA CRTVG O 1$/09/2022 ligazón ]
Os medios públicos apoiarán con contidos e acción social esta iniciativa, pioneira en España, e formarán parte da súa comisión de seguimento
Entre outras medidas, a Televisión de Galicia produce actualmente o programa ‘Incombustibles’, que reivindica a interxeracionalidade e a loita contra a discriminación por motivos de idade
A CRTVG, dentro da súa estratexia de #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa, apoiará o traballo da nova Cátedra de Idadismo da UVigo, presentada esta semana na cidade olívica. A CRTVG implícase nesta acción de tres formas: a través dos contidos, co programa de televisión ‘Incombustibles’, que será emitido proximamente na TVG; a través da súas accións de RSC #AcciónsG, e finalmente coa participación directa de Esther Medina, xefa de Servizo de Innovación e Contorna Dixital da CRTVG, como membro da comisión de seguimento desta cátedra universitaria. Estas liñas de actuación foron expostas por Xaime Arias, director de Proxección Social da Corporación, no acto de presentación desta iniciativa, pioneira en España, da universidade viguesa.
A cátedra “nace para consolidar a loita contra o idadismo desde o ámbito da comunicación, a través da realización de cursos, seminarios e conferencias; organización de actividades académicas; intervencións educativas a todos os niveis; promoción da investigación; xeración de contornas amigables e fomento da relación interxeracional”, enumerou a súa directora, Ana Belén Fernández Souto, docente e investigadora do departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UVigo. O obxectivo é traballar no desenvolvemento da sociedade para evitar que a idade se utilice para categorizar e dividir as persoas, ocasionando inxustizas, danos e discriminacións en todos tramos da vida, non só nas persoas de máis idade.
O proxecto conta co respaldo da OMS, que estivo representada no acto pola responsable da campaña mundial contra o idadismo deste organismo e coautora principal do primeiro Informe mundial da ONU sobre idadismo, a galega Vânia de la Fuente. Tamén está apoiado por institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, Stop Idadismo e conta coa promoción de Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia) e Atendo, entidade privada de innovación social dedicada a acompañar nos coidados as persoas maiores e as súas familias a través de diferentes servizos.